O Concello remata o primeiro trimestre do ano con 180 millóns en execución
O concelleiro de Facenda tamén expuxo que se fixeron 1.147 pagos cun importe de 29,7 millóns de euros e que a media do pago a provedores é de 6 días.

O goberno local comprometeu no primeiro trimestre de 2025 180 millóns de euros do orzamento deste ano. Jaime Aneiros deu conta no Pleno do estado de gastos e ingresos do orzamento correspondente aos tres primeiros meses do ano en vigor, así como do movemento de tesourería por operacións orzamentarias e non orzamentarias.
“O orzamento do Concello de Vigo avanza a boa velocidade neste 2025 cunha execución que nos permite seguir coas obras da cidade en marcha e prestar os bos servizos públicos municipais”, declarou o responsable da área.
Amais disto, Aneiros informou que o Concello fixo 1.147 pagos cun importe de 29,7 millóns de euros. Tamén expuxo que o goberno local paga aos provedores nun prazo de 6 días, “algo que contrasta con outras cidades de Galicia como Ourense (79 días), Sanitago (39 días) ou Pontevedra (24 días)”, que tardan máis días en facer estes abonos ás empresas que prestan bens e servizos ás institucións.
Críticas da oposición
Os partidos da oposicións falaron da falla de execución orzamentaria e din que o goberno non executa o orzamento. Unha cuestión que rebateu o edil de facenda na súa réplica e criticando que “o BNG leva 5 anos co mesmo relato” e que “o PP nin sequera ten discurso”.
Sobre a presión fiscal, Aneiros defendeu que, de media, cada cidadán ou cidadá de Vigo aporta 530 euros polo case 1.000 que obtén de retorno en servizos públicos. “Non temos unha presión fiscal alta como din desde a oposición”.