Escoitar

Vigo incorpora seis vehículos para os bombeiros por preto de 1 millón de euros

A Xunta de Goberno aprobou este venres tamén as bases de selección do programa “Vigo emprega” que permitirá a contratación de 75 persoas durante 9 meses e as subvención de 91500 euros para as entidades sen ánimo de lucro que traballan a prol da igualdade.

venres, 25 abr 2025
Foto de arquivo do alcalde saudando a persoal do Vigo Emprega
Foto de arquivo do alcalde saudando a persoal do Vigo Emprega

Abel Caballero informou da incorporación de novas dotacións móbiles aos parques de bombeiros da cidade: dúas autobombas nodriza, dous vehículos 4x4, un todoterreo 4x4 e un furgón que conta con capacidade para mobilizar ata 9 persoas en intervencións complexas e de longa duración. O goberno municipal investirá case 1 millón de euros para “aumentar a súa eficacia” con estes novo material para os dous parques de bombeiros: o de Teis e o Sergio Sanlés de Esturáns.

Vigo Emprega 2025

A Xunta de Goberno vén de aprobar as bases de selección de persoas candidatas a beneficiarias do “Vigo emprega 2025” que ten un importe de 1.590.000 euros e que se enmarca no plan Municipal de Emprego para fomentar a inserción laboral co obxectivo de mellorar a capacitación e competencia profesional de persoas en situación de desemprego.

Con este programa, o goberno de Vigo contratará a 75 persoas durante un período de 9 meses a xornada completa, o que supón ampliar en 3 meses o período de contratación, respecto a edicións anteriores. As persoas beneficiarias adquirirán experiencia en diferentes ocupacións: auxiliar administrativo, oficial carpintería aluminio, oficial fontanería, peón xardinería-forestal, técnico auxiliar Prevención Riscos Laborais, oficial carpintería de madeira, oficial mecánico de maquinaria, peóns de construción, delineante, oficial carpintería metálica, oficial pintura, capataz construción, oficial condutor, oficial xardinería-forestal, oficial electricidade e oficial albanelería.

Para formar parte do programa cómpre ter 18 anos cumpridos, figurar como demandante de emprego, estar empadroados no Concello de Vigo e non ter participado no programa anteriormente.

Igualdade

Na Xunta de Goberno deste venres quedaron aprobadas tamén as subvencións para as entidades sen ánimo de lucro pola realización de programas e actividades de promoción das mulleres do ano 2025, que teñen un importe de 91.500 euros. Con estas axudas, o Concello quere contribuír a financiar os gastos para o desenvolvemento, fomento e consolidación do asociacionismo feminino, a promoción da muller en todos os ámbitos e a prevención da violencia de xénero. As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e cada asociación optará a unha axuda máxima de 3.000 euros. O prazo para facer a solicitude será de 10 días hábiles a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Brincadeira

Así mesmo, recibiu luz verde a subvención nominativa á Asociación “Amigos da Historia de Bouzas” para a organización da “Festa da Brincadeira 2025”, por un importe de 30.000 euros. A festa celebrarase o 9, 10 e 11 de maio e contará con 150 postos de gastronomía, máis actividades culturais e máis espazo ao estenderse á contorna do atrio de la Iglesia e ao novo paseo marítimo e engadiranse pasacalles como novidade da festa. O escenario grande, para os concertos, trasládase ao atrio da Igrexa de Bouzas e a previsión é que se superen as cifras do ano pasado, tal e como apuntou o alcalde.

Descargar todas as imaxes