xoves, 24 abril 2025

O alcalde pon en valor o carácter amigable de Vigo no "XII Congreso Nacional de Organizacións de Maiores"

xoves, 24 abr 2025

O alcalde reivindicou este xoves, ante os participantes no “XII Congreso Nacional de Organizacións de Maiores” que ten lugar na sede de Afundación, o carácter amigable e acolledor da cidade de Vigo, e a vocación das persoas que desde a idade deciden manterse activas e “seguir sendo parte integrante na toma de decisións da sociedade” porque os anos non son “ unha limitación”.

Abel Caballero participou nos actos de celebración do 20 aniversario da creación da Axencia Europea de Control da Pesca

xoves, 24 abr 2025

A Axencia Europea de Control de Pesca, que ten a súa sede na cidade de Vigo, celebrou o seu 20 aniversario nun acto celebrado esta mañá no Tinglado do Porto. A cidade conta co principal porto pesqueiro da Unión Europea, do que se congratulou o rexedor, destacando o importante papel que exerce a Unión Europea e a importancia que ten o sector pesqueiro en Vigo, "unha actividade da que temos un coñecemento exhaustivo, porque os avós dos nosos avós xa pescaban, e sabemos que os netos dos nosos netos seguirán realizándoo". No acto, entre outras autoridades, tamén participaron a directora xeral de Asuntos Marítimos e Océanos (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, e a Directora Executiva da Axencia Europea de Control da Pesca, Susan Steele.

O Concello presenta o catálogo das miniaturas do Legado Policarpo Sanz - Irene de Ceballos

xoves, 24 abr 2025

A delegada da Área de Cultura, Carmela Silva, e o concelleiro Gorka Gómez presentaron xunto ao sector cultural o catálogo da mostra "O teu rostro na multitude. As miniaturas do Legado Policarpo Sanz - Irene de Ceballos" que se expuxo na Pinacoteca entre o 9 de xullo do 2024 e o 9 de marzo de 2025. As miniaturas do Museo Municipal “Quiñones de León” proceden do Legado Policarpo Sanz - Irene de Ceballos. O magnate legou ao pobo de Vigo un gran patrimonio artístico e económico e súa esposa aumentou este legado e velou polo seu coidado e entrega ao Concello. As vinte e nove pezas que forman o conxunto ofrecen un sucinto panorama do que foi a miniatura retrato en Francia nese período. Sobre marfil, vitela ou esmalte na colección aparecen miniaturas de excelente calidade como o suxestivo Retrato de muller de Jean Urbain Guerin (ca. 1805 -1810); o anónimo Retrato de home (ca. 1810) de detallismo sorprendente; ou “cadro dentro do cadro” que é o Retrato de familia de Antoine-Guillaume Chereau (1798) até o momento a única miniatura coñecida deste miniaturista. O Concello distribuirá este catálogo nas universidades, museos, entidades culturais e tamén pode consultarse na área de Cultura municipal.

O CPR Amor de Dios visita o Concello

xoves, 24 abr 2025

O alcalde saudou este xoves ao alumnado do Colexio Amor de Dios que percorreu as instalacións municipais dentro do programa didáctico “Visita o teu Concello”. As nenas e nenos de 5º de Educación Primaria puideron coñecer de preto varios servizos municipais e achegarse ao traballo da administración local.