A "Carreira Praia de Samil", récord de participación con 1.300 corredores
O alcalde felicitou hoxe á organización e patrocinadores de "Fe Seguros Carreira Praia de Samil Memorial Alfonso Varela", integrada no circuíto “Run Run Vigo”, polo récord de participantes rexistrados na quinta edición, con 1.300 corredores. A carreira, que terá lugar o vindeiro domingo 27 de abril a partir das 10.30 da mañá, estará amadriñada pola atleta olímpica Julia Vaquero.

A quinta carreira do circuíto da “Run Run Vigo” contará cun percorrido de 8 quilómetros a través do areal e da zona de piñeiral de Samil, segundo lembraron este mércores o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e o presidente do “Club Atletismo Veteranos de Samil”, Modesto Comesaña, ao poñer en valor que a proba foi recoñecida na Gala do Deporte de 2024 como a mellor carreira de 2023.
“Trátase dunha gran proba atlética, diferente, porque transcorre na beira da praia de Samil e porque é moi participativa”, recalcou o edil de Deportes.
O presidente do "Club Atletismo Veteranos de Samil” destacou a presenza da atleta olímpica Julia Vaquero e do veterano e campión de distintas probas Manuel Suárez así como que a quinta edición bate récord de participantes con 1.300 corredores, dos que 600 son menores de 15 anos.
Ricardo Dapena, director xeral de FE Seguros, tras agradecer a concesión da Medalla de Ouro á entidade, recalcou o “compromiso con Vigo” e explicou que as camisetas, que serán entregadas a todos os participantes, están realizadas con material reciclado.
Julia Vaqueiro anticipou que a carreira do próximo domingo pola praia de Samil “vai ser moi emocionante” e expresou a súa satisfacción por “volver gozar do deporte e do atletismo”.
Horario das probas
A saída da carreira sénior terá lugar ás 10.30 da mañá e 15 minutos despois os primeiros deportistas infantís. A recollida dos dorsais realizarase este venres de 17 a 21 horas en Vialia.