Abel Caballero insiste na construción dun novo aparcadoiro gratuíto no Hospital Álvaro Cunqueiro
O alcalde considera imprescindible esta infraestrutura e insta á Xunta a vender unha parcela para que o Concello constrúa un novo aparcadoiro adicional gratuíto nas inmediacións do Hospital Álvaro Cunqueiro. Anuncia que presentará unha vez máis a moción no Pleno.

Abel Caballero insiste na construción dun novo aparcadoiro público e gratuíto nas inmediacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo “porque no do hospital a xente non pode pagar as tarifas”.
“Xa fixemos un aparcadoiro de 450 prazas e queremos facer outro máis, pero a Xunta non nos vende a parcela e o PP de Vigo votou en contra no Pleno”, lamentou na súa intervención.
Caballero puxo de manifesto que no Pleno de onte, no municipio de Pontevedra, o PP si votou a favor de solicitarlle ao goberno autonómico un aparcadoiro gratuíto no novo Hospital de Montecelo. “O PP de Pontevedra fixo o contrario que o PP de Vigo, pedirlle á Xunta que constrúa unha zona de estacionamiento gratuíto no hospital da súa cidade. Que aprendan en Vigo do PP de Pontevedra”, sentenciou o rexedor.
O alcalde avanzou que o goberno local volverá levar unha moción ao Pleno para esixir á Xunta a venda da parcela e que o Concello poda construír un novo aparcadoiro público e gratuíto no Hospital Álvaro Cunqueiro. “É imprescindible”, concluíu.