Os xardíns históricos de Castrelos ábrense con visitas guiadas o sábado 26 de abril
Con motivo do Día Europeo dos Xardíns Históricos os interesados poderán coñecer cun guía experto os xardíns do Pazo Quiñones de León. As prazas son limitadas e as persoas interesadas deben inscribirse no 010.

Con motivo da celebración da VI edición do Día Europeo dos Xardíns Históricos o sábado 26 de abril, o Concello de Vigo organiza unha “xornada de portas abertas” do xardín histórico do Pazo Quiñones de León a proposta do Consello de Europa xa que estes xardíns están incluidos na ruta europea dos xardíns históricos.
A celebración desta xornada de portas abertas vai permitir que cada grupo de visitantes disfrute dunha visita guiada de maneira que se transmitan as características e as particularidades dos xardíns históricos, a súa historia, as artes que confluíron para a súa creación, o seu valor social e o papel que desenvolveron na formación da identidade europea.
Os turnos de visitas serán 8 cunha hora de de duración cada un: de 10h a 14h (10, 11, 12 e 13) e de 16h a 20h (16, 17, 18 e 19). Os grupos serán dun máximo de 25 persoas e haberá que inscribirse previamente no servizo municipal do 010.