O Concello amplía o contrato de mantemento das infraestruturas viarias
O alcalde informou da prórroga do contrato por un período dun ano, ata xuño de 2026, chegando o orzamento ata os 2 millóns de euros.

“Máis e mellor mantemento na cidade”, explicou o rexedor este martes ao dar conta da prórroga do contrato de mantemento, acondicionamento e mellora das infraestruturas viarias do Concello, que supoñerá sumar 2 millóns de euros para acometer diferentes actuacións.
Coa prórroga do contrato ata xuño de 2026 o goberno municipal reparará o voladizo do miradoiro do Paseo de Alfonso, o muro de contención de Camiño Cañotais en Beade, o acceso ao colexio Vila Laura en Hispanidade, o Camiño de Outeiro de Cidáns en Zamáns, a rúa Río en Bembrive ou unha análise da resistencia da Praza do Rei.
Ademais, ao abeiro deste contrato, xa se repararon e instalaron a escultura “A Familia” na rúa Vía Norte e a escultura “O Corredor”, situada na Avenida da Florida.
Paseo de Alfonso
A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación das obras de reforma da fachada e acondicionamento dun local municipal situado na rúa Santiago (Paseo de Alfonso). Cun importe de 120.000 euros, Caballero avanzou que se recuperará a fisonomía antiga dunha praza situada nun entorno xa peonalizado. O proxecto incluirá o embelecemento do espazo, a mellora da accesibilidade, a reconstrución da fachada en granito, ademais dunha grada no mesmo material desde a que se poderá contemplar a Ría.