O Comité de Emerxencia de Vigo reforza os efectivos de seguridade para atender á cidadanía
O Comité presidido por Abel Caballero acordou na segunda xuntanza pechar o túnel de Beiramar como medida preventiva pola saturación do conduto de líquidos ao non haber bombeo. O goberno local multiplica por tres os efectivos do Corpo de Bombeiros e Policía Local que xa axudaron a máis de 30 persoas en situacións de risco. Caballero pide prudencia e evitar os desprazamentos no vehículo privado. Na terceira reunión acordouse aumentar o número de efectivo de seguridade nas rúas pola noite.

Vigo traballa para paliar os efectos do apagamento xeral que está a acontecer en distintos puntos de Europa. O Comité de Emerxencia Local de Vigo acordou pechar o túnel de Beiramar como medida preventiva pola saturación do conduto de líquidos ao non haber bombeo. O alcalde informou de que se está a levar a cabo unha gran mobilización de efectivos do Corpo de Bombeiros e Policía Local para atender situacións de emerxencia e prestar atención a centros onde poida haber persoas vulnerables como os centros da terceira idade, centros sanitarios e hospitalarios.
Abel Caballero contou que todos os vehículos municipais están en disposición de ser utilizados en caso de ser necesarios. Sobre a auga da cidade, “a nova potabilizadora funciona perfectamente e temos auga potable en boas condicións”. O rexedor incidiu na importancia de non desprazarse en vehículo privado se non é necesario polo apagamento da rede semafórica da cidade. “Nós estamos preparados ante calquera eventualidade”, afirmou.
Tamén deu conta de que en Vigo se recibiron unhas 30 chamadas de persoas que ficaron pechadas en ascensores e que se seguirán atendendo peticións das persoas que o precisen. “A cidade está a responder ben e seguiremos atentos. Quero agradecer á cidade o seu comportamento cívico e razoable, pausado e sosegado para que Vigo estea a funcionar”, concluíu.
Actuación nocturna e medidas adicionais
Na terceira xuntanza, a última hora da tarde, o Comité de Emerxencia acordou reforzar a seguridade durante a noite con 19 patrullas da Policía Nacional, 13 patrullas da Policía Local, 12 efectivos de Protección Civil e o 2 camións do Corpo de Bombeiros, ademais dos efectivos que están operativos nos parques de bombeiros. "Estamos preparados por se chega a noite e aínda non temos luz. Facemos unha mobilización masiva de efectivos de seguridade para garantir a tranquilidade da cidadanía", declarou o alcalde.
Amais, o rexedor informou que mañá abrirán as Escolas Municipais Infantís e serán as nais e os pais os que decidan se prefiren que os nenos e nenas estean nestes centros educativos.
Mañá a primeira hora da mañá xuntarase de novo o Comité de Emerxencia para analizar como avanzou a noite e tomar máis medidas en caso de que sexa preciso.