Escoitar

Caballero anuncia que o novo parque de bombeiros en Esturáns estará 100% operativo en dez días

O alcalde anunciou este venres, despois de percorrer o parque de bombeiros Sergio Sanlés coa primeira tenente de Alcaldía, Carmela Silva, a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, e o xefe de Bombeiros, Guillermo Domínguez, que as novas instalacións estarán operativas en 10 días. Abel Caballero, tras recordar os 3 millóns de euros investidos, recalcou o salto cualitativo que se rexistra con respecto á antiga dotación do Servizo de Extinción de Incendios de Balaídos. "É unha dimensión completamente distinta", afirmou.

venres, 2 mai 2025

O rexedor destacou hoxe a "magnífica localización" do parque de bombeiros Sergio Sanlés, en Esturáns, pola súa proximidade a Coia, Coruxo, Bouzas, e ao Porto de Vigo. Destacou a que o edificio tamén acolle as dotacións de  Protección Civil.

Caballero recordou, ante o xefe do Servizo de Extinción de Incendios, "que este era o noso compromiso. Primeiro foi o do parque de Teis, que estaba en mal estado cando o cambiamos, e agora con este que incorpora"unha batería de innovacións."

O alcalde incidiu en que aos tres millóns de euros, "marabillosamente ben gastados", súmanse os novos investimentos aprobados recentemente para "facer unha cidade cada vez máis segura", como a adquisición de novos vehículos e material. Caballero trasladou a súa felicitación a toda a cidade porque "hoxe, isto celébrao todo Vigo".

Dentro de dez días as instalacións estarán operativas ao cento por cento, avanzou o alcalde ao indicar que o mobiliario está a piques de chegar e que despois se procederá ao traslado de material dos bombeiros que agora se atopan no parque de Coruxo. "Probablemente poida estar operativo antes pero, para curarnos en saúde, as instalacións estarán listas nese prazo de 10 días", indicou.

Descargar todas as imaxes