Escoitar

“Vigo, cidade única no mundo”, lema do Concello en Fitur

O alcalde avanzou este mércores a proposta turística que o goberno municipal leva este xoves á Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid: “ensinaremos a toda España o que é Vigo e o que somos”.

martes, 21 xan 2025
Lema da campaña que se presenta en Fitur 2025
Lema da campaña que se presenta en Fitur 2025

O Concello de Vigo presenta este xoves 23 de xaneiro en FITUR a súa proposta turística para este ano 2025. Será no espazo de Turespaña, “o máis importante de toda a feira”, ás 12:30 horas, e poderá seguirse en streaming a través da páxina web municipal.

Abel Caballero explicou que o slogan “Vigo, cidade única no mundo” serve como fío para amosar que “somos únicos no Nadal, únicos no Marisquiño, nas praias, na Reconquista, nos concertos de Castrelos gratuítos e únicos en tantos e tanto eventos que van sucedendo na cidade”.

O acto de presentación estará conducido por Paula Montes e Luis García Rey, xornalista deportivo vigués, e contará coa presenza dos tamén vigueses Rodolfo Irago e Carlota Corredera. O Concello dispoñerá dunha hora para “rastrear toda a cidade; imos ensinarlle a toda España o que é Vigo e o que somos. Queremos ensinalo a todo o mundo”.

Ademais, o Concello realizará outra presentación na Feira Internacional de Turismo, baixo o lema “Vigo, o estudio das mil historias” amosará o “Vigo das rodaxes, das películas, das curtas, o Vigo do cine.”, apuntou Caballero. O acto será no auditorio de Fitur Screen entre as 11 e as 11.30 horas e contará coa participación do actor Antonio Durán "Morris". “Imos ensinar en Fitur o que está sucedendo”, coa rodaxe do anuncio da lotería en Vigo e dos anuncios de Nadal de empresas importantes de España “que se rodan en Vigo porque Vigo é a imaxe da amabilidade, a imaxe do turismo que nós apreciamos, o turismo que é ben recibido; a xente sinte que cando pisa Vigo é parte da cidade”.

Descargar todas as imaxes