Caballero presenta a X edición das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial
Abel Caballero cualificou este martes de “fóra de serie” o programa da próxima edición das “Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial”, programadas pola Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo do 10 ao 14 de febreiro. “Sucede en poucas cidades de España”, afirmou o alcalde despois de que a organización anunciara a participación de 70 conferenciantes internacionais, entre eles o cirurxián torácico Diego González Rivas, creador da Unidade de Cirurxía Torácica Minimamente Invasiva e da cirurxía videotoracoscópica Uniportal.
O alcalde apuntou hoxe, ante a tenente de alcalde Ana Mejías, o delegado de Zona Franca, David Regades, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, e o director das “Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial”, Nacho Armesto, a transcendencia de “ir moito máis alá” na difusión da importancia e contido dunha proposta universitaria que contará coa participación de expertos internacionais de máximo calado. “Hai que contalo suficientemente en todas partes, porque o que está a suceder aquí”, coa presenza de robots de última xeración aplicados a distintos ámbitos da produción, e da sanidade, “ten que sorprender en toda España”. Insistiu na transcedencia de comunicar a través dos medios a autoría de Vigo na difusión da tecnoloxía de vangarda. “Temos que facer formulacións nos que se vexa a esta cidade”, recalcou.
Caballero propuxo á organización abordar en futuras edicións a repercusión e distribución social da robotización. “O importante é como se reparte entre a sociedade e como chega a todos os suxeitos activos da sociedade, porque non podemos facer un mundo dualizado: o mundo dos que saben e dos que non saben”.
Vigo, na vangarda
O delegado de Zona Franca remarcou que as xornadas, que desde o principio contaron co apoio e impulso do alcalde de Vigo, “son unha aposta única que sitúa a Vigo na vangarda”, e que inciden en importantes decisións empresariais como dous recentes de emprendedores cataláns e valencianos para instalar a súa empresa de motores para satélites.
Expertos internacionais
O director das xornadas, Nacho Armesto, avanzou que a décima edición, ademais de contar coa presenza de 70 expertos mundiais, abordará temas relacionados coa visión artificial, a Robótica, computación Edge a problemas industriais complexos, a innovación e as tendencias na industria 4.0.
Entre as intervencións presenciais destacadas atópase a do cirurxián Diego González Rivas. A este sumarase Carlos Balenguer da Universidade Carlos III de Madrid; Oussama Khatibde Standford Iniversity, que liderou a equipos de investigadores de robots submarinos; Aníbal Olleiro, de Universidade de Sevilla, con robots aéreos ou Bruno Siciliano da Università degli Studi dei Napoli Federico II, experto en robótica biomédica.
Está previsto un acto específico no “Día Internacional da Nena na Ciencia”, o 11 de febreiro.