O Concello reinstalará a fonte da Barroca e o lavadoiro de Poboadores no enclave orixinal ao finalizar a obra do Barrio do Cura
O lavadoiro de Poboadores e a fonte da Barroca, retirados en decembro con motivo do inicio da urbanización do Barrio do Cura, volverán ao seu lugar orixinal ao acabar as obras. Así o anunciou hoxe o alcalde ao recalcar que Patrimonio do Concello aprobou o expediente para a mobilidade e almacenaxe temporal das dúas pezas catalogadas ata a su reposición no Casco Vello.
Abel Caballero anunciou este luns que os dous elementos catalogados do Casco Vello foron retirados temporalmente da rúa Poboadores polo inicio da construción do complexo urbanístico do Barrio do Cura axustándose á aprobación dada por Patrimonio do Concello, que fixa a reposición no mesmo lugar no que se atopaban. “Vanse preservar, almacenar e repoñeranse con todo o tratamento para que estean nas mellores condicións”, afirmou o rexedor.
A montaxe da fonte e do lavadoiro realizaranse de forma integrada coas novas zonas verdes e os espazos públicos proxectados no Barrio do Cura. Caballero puxo en valor o respecto do Concello de Vigo á preservación do Patrimonio Histórico, recalcando a súa defensa da estrutura central da vella capela do asilo "que non estaba catalogada pero nós decidimos que se mantivese".
Así, censurou que a oposición municipal quixese facer política con este tema apuntando que as pezas estaban danadas e que non se ían repoñer: "teñen que pedir perdón por mentir e desculparse".