Escoitar

Vigo celebrará os días grandes da Reconquista do 28 ao 30 de marzo

O alcalde presentou este luns a XXXI edición da Festa da Reconquista de Vigo que se prolongará desde o sábado 22 de marzo, coa representación da destitución do alcalde, ata o domingo 30 coa expulsión das tropas francesas. O Concello incrementa a achega nun 8 por cento, ata alcanzar os 135.000 euros.

luns, 20 xan 2025

Abel Caballero destacou que esta festa "é a maior romaría urbana de Galicia”, que se desenvolve cos múltipes actos programados para conmemorar a Reconquista de Vigo da invasión das tropas francesas.

Os postos do mercado instalaranse desde o venres 29 ao domingo 30 de marzo. A partir do próximo venres 24 de xaneiro estarán dispoñibles na páxina web do Concello de Vigo as bases para solicitar un posto. Caballero lembrou que na nova edición festiva mantense a ampliación do espazo lúdico no Paseo de Alfonso.

O alcalde adiantou que a festa infantil da “Reconquistiña”, con alumnado de 4º de Educación Primaria, alcanzará este ano a participación de 2.000 nenas e nenos de numerosos colexios de Vigo, xa que este ano aumentou a demanda de participación por parte dos centros.

Ademais da subvención de 135.000 euros, o Concello colabora cos servizos de limpeza e seguridade con Protección Civil, Policía Local e Bombeiros.

Caballero e a organización animaron á cidadanía a participar portando a indumentaria de 1809 e mergullándose así na historia da nosa cidade.

Descargar todas as imaxes