O goberno de Vigo organiza actividades infantís para as vacacións do Nadal
Co obxectivo de favorecer a conciliación familiar durante este período de descanso escolar, o goberno municipal desenvolve campamentos lúdicos en Teis, Bouzas e o centro da cidade así como actividades deportivas nas Travesas. Amais, o Concello aprobou 61 axudas de emerxencia por valor de 18.372 euros.
Abel Caballero deu conta este venres do desenvolvemento de varias actividades coas que o Concello busca “o ocio educativo para nenas e nenos e a conciliación para nais e pais” durante o Nadal.
As nenas e nenos de entre 3 e 12 anos poderán participar de forma gratuíta nos obradoiros creativos e xogos educativos dirixidos a promover valores de igualdade en varios espazos da cidade:
- Oficina municipal de Teis os días 23, 26, 27 e 30 de 10:00 a 13:00 horas e os sábados 21 e 28 de 10:00 a 12:30 horas
- Oficina municipal de Bouzas os días 21, 23, 26, 27, 28 e 30 de 10:00 a 12:30 horas
- Centro de Documentación Feminista, na rúa Joaquín Yáñez, os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 09:30 a 14:00 horas e os sábados 21 e 28 de 10:30 a 13:30 horas.
A inscrición pode realizarse ao comezo da actividade, sen necesidade de participar durante todo o horario do campamento.
Campus polideportivo de Reis
O alcalde informou tamén do desenvolvemento dun campus polideportivo nas Travesas; 150 prazas para nenas e nenos de entre 6 e 14 anos. “Un campus de inverno aberto para nenas e nenos da cidade”, apuntou, que terá lugar o xoves 2 e o venres 3 de xaneiro no Complexo Deportivo das Travesas en horario de 9,00 a 14,00 horas.
A cativada participante realizará actividades de balonmán, fútbol sala, voleibol, bádminton e atletismo, entre outras modalidades deportivas. As inscricións poden realizarse na páxina web de Vide.
Axudas de emerxencia
A comisión de axudas de emerxencia aprobou esta semana a concesión de 61 apoios por valor de 18.372 euros, segundo explicou hoxe o alcalde. Do total das axudas, 23 destínanse a alimentación por valor de 7.000 euros, outras 18 para vivenda por 8.000 euros, ás que hai que sumar apoios para suministros gastos médicos e eliminación de barreiras.
Caballero, tras recalcar que ata esta semana o Concello concedeu 4.210 apoios por un importe de preto de 1.400.000 euros, incidiu en que as axudas de emerxencia son compatibles co resto dos apoios establecidos dentro da política social municipal e co Ingreso Mínimo Vital. "Somos a cidade con mellor política social de España", afirmou.