A Policía Local aumenta a súa formación en asistencia sanitaria de urxencia
O alcalde asistiu este xoves a unha das sesións de formación continua da Policía Local de Vigo en intervención policial sanitaria de emerxencia, que se completa coa recibida en novembro sobre técnicas de apertura de portas en situación de urxencia. “Temos unha Policía Local con moita formación e seguiremos nesa liña”, afirmou o rexedor.
Abel Caballero destacou hoxe a participación de 180 axentes da Policía Local nos dous últimos cursos formativos organizados en novembro e decembro sobre intervención policial sanitaria de emerxencia e de auxilio en situacións de emerxencia tanto provocadas por un roubo en vivendas, como por encerramentos en lugares pechados, e en situacións que representan un risco vital para o afectado, xa que en numerosas ocasións son as primeiras forzas de seguridade en chegar ao escenario do sinistro ou do incidente. “Unha gran Policía Local, cunha gran formación e actividade ao dispor da cidadanía porque con moitísima frecuencia chega aos lugares dos accidentes ou dos incidentes antes que ningún outro medio”, afirmou.
O alcalde explicou que no curso de intervención sanitaria de emerxencia os axentes formáronse en reanimación cardiopulmonar e uso do desfibrilador semi-automático, así como en asistencia inicial en accidentes de tráfico, ictus, partos ou incidentes con múltiples vítimas.
Protocolo xeadas
Ante as baixas temperaturas, o goberno municipal puxo en marcha o protocolo para minimizar o risco de accidentes nas estradas por mor das xeadas. A Policía Local inspecciona as zonas vulnerables á primeira hora da mañá e á última hora da tarde, priorizando as zonas con antecedentes de accidentes ou condicións propicias para a formación de xeo e, ao detectar condicións perigosas, procédese á difusión de sal de forma manual con apoio de camións que transportan os sacos.
Tal e como explicou o rexedor, no caso de que existan puntos críticos con xeo nas vías da cidade, establecerase un control temporal do tráfico, redirixindo a circulación se fose preciso ata que se minimicen os riscos. “Temos todo o protocolo de Fomento, Limpeza e Servizo de Extinción de Incendios preparado para as xeadas”, sinalou.