Vigo estrea a humanización da Avenida de Samil
Abel Caballero participou este mércores na inauguración dos primeiros 500 metros da nova Avenida de Samil humanizada, con reorganización de espazos para peóns e vehículos. “Mellor Samil e máis Samil”, declarou. O Concello investiu 1.800.000 euros na remodelación da primeira fase da Avenida de Samil. A obra vén acompañada da rexeneración dunar na praia que está a acometer o Goberno de España na parte litoral.
O alcalde inaugurou a humanización dun tramo de 500 metros da Avenida de Samil, entre a praia da Fonte e a pista de patinaxe, na que o goberno local investiu 1.800.000 euros. Trátase dunha obra acordada e cofinanciada coa Deputación de Pontevedra no convenio do ano 2021-2023.
Esta remodelación é parte da primeira fase da humanización da totalidade da Avenida de Samil. Reorganizáronse os espazos para os peóns e os vehículos, con beirarrúas máis anchas na marxe litoral e novas na zona do monte, con 5 e 2,5 metros respectivamente. Amais, ampliáronse as prazas de aparcadoiro. Serán 192, 21 máis das dispoñibles previamente.
Abel Caballero explicou que a obra mantivo todas as árbores, se instalaron 43 novos farois, novo mobiliario urbano, pasos resaltados para o tráfico calmado na zona e remodelación da rotonda para a fluidez do paso dos vehículos.
O alcalde lembrou que o Goberno de España está levando adiante a rexeneración dunar na parte litoral cun investimento de 2.200.000 euros. Unha actuación conxunta para ter “máis Samil e mellor Samil”, o que supón “unha gran mellora para o conxunto da cidade”.