O alcalde convoca á cidade a reclamar a autovía en túnel ao Porriño e o AVE Vigo-Porto 2030
O goberno municipal organiza este mércores ás 20:00 horas, na Porta do Sol, un concerto reivindicativo que contará coa actuación das Bandas de Música Populares de Vigo.
O alcalde convidou á cidadanía viguesa a acudir este mércores na Porta do Sol, ás 20 horas da tarde, ao concerto que organiza o goberno municipal para reivindicar a Autovía A-55 en túnel Vigo – O Porriño e que o tren de alta velocidade Vigo – Porto estea rematado en 2030.
“Quero incidir tamén no tren directo a Madrid agora que sabemos que o señor Rueda, a Xunta de Galicia, non quere que vaiamos directos, quere que deamos unha volta de 100 quilómetros convertidos nunha sucursal de Santiago e A Coruña; quero volver incluílo” neste concerto reivindicativo, dixo, engadindo que “a Xunta e o PP sempre están contra da cidade. Non queren que teñamos autovía en túnel ao Porriño para evitar a curva e os accidentes de Tameiga”.
A Porta do Sol acollerá o concerto da Federación de Bandas Populares de Vigo ás 20:00 horas do serán aberto a toda a cidadanía que queira gozar desta música e sumarse a estas demandas.