Escoitar

O Concello restaura o panel publicitario de Domecq situado en Policarpo Sanz

O alcalde e Carmela Silva asistiron este luns á retirada do mosaico de azulexos da firma adegueira que data do ano 1926 e que está catalogado como ben cultural con protección ambiental.

luns, 9 dec 2024
Momento da visita de Abel Caballero e Carmela Silva
Momento da visita de Abel Caballero e Carmela Silva

“Seguimos conservando o patrimonio histórico, artístico e cultural desta cidade” sinala Abel Caballero, que visitou este luns o emprazamento do mosaico en Policarpo Sanz explicando que se trata dun panel publicitario da firma Domecq, que data de principios do século XX.

Trátase dun panel fabricado en cerámica, catalogado no plan municipal como ben cultural con protección ambiental e o goberno municipal acometerá a súa restauración para restablecer o equilibrio dos materiais. Xa fora sometido a unha rehabilitación anterior, gorecéndoo cunha placa de vidro pero “sufriu un pequeno deterioro”, tal e como apuntou o rexedor.

O goberno municipal retirou a placa para poder realizar os traballos sen a incidencia da climatoloxía desta época. A previsión é que os traballos de restauración finalicen nos primeiros meses de 2025.

O anuncio da adegueira Pedro Domecq ten como motivo principal o león da marca bebendo unha botella de brandy. Foi instalado en 1926 polo Hotel Moderno e autorizado polo entón arquitecto municipal Jenaro de la Fuente.

Descargar todas as imaxes