Escoitar

O MARCO acolle a primeira mostra coa obra de tres artistas que forman parte dos fondos propios do museo

O MARCO expón, ata o día 9 de marzo de 2025, a mostra “Unha imaxe de si”, articulada coas obras das artistas Marta María Pérez Bravo, Yolanda Herranz Pascual e Andrea Costas Lago, que forman parte dos fondos do museo. Trátase da primeira mostra enmarcada na estratexia do Concello de poñer en valor as coleccións do MARCO, e que é unha das expresións do “renacer cultural de Vigo”, segundo remarcou Abel Caballero.

xoves, 5 dec 2024

O alcalde Abel Caballero recalcou este venres, ante a primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, o director do MARCO, Miguel Ángel Fernández-Cid, e o responsable dos museos de Vigo, José Manuel Rey, que a axenda de exposicións en edificios culturais municipais reflicte “que estamos a  vivr un renacer cultural propio”. Caballero destacou o traballo das tres artistas cuxas obras vertebran a exposición “Unha imaxe de si”, Marta María Pérez Bravo, Yolanda Herranz Pascual e Andrea Costas Lago, así como a súa “inmensa xenerosidade” para expoñer as súas obras no MARCO.

O rexedor apuntou a necesidade de “derrubar o muro de cristal” ao que se enfrontan as creadoras, á vez que instou a visitar a exposición. “Queremos que todo o mundo veña”, afirmou.

Traballo

O director do museo, Miguel Fernández-Cid, explicou que a mostra que se inaugura hoxe é o anticipo da estratexia deseñada polo goberno municipal para poñer en valor as coleccións do MARCO. “Comezamos con tres artistas cunhas claras vinculacións no seu traballo, mostralas de forma conxunta e provocar os diálogos que as obras suxiren”. A artista Yolanda Herranz Pascual destacou o “diálogo” que se establece entre as imaxes das tres creadoras ao redor de dous temas fundamentais: o corpo e a identidade.

Andrea Costas Lago expresó a súa satisfacción por “compartir a mostra con dous excelentes referentes”, á vez que incidiu en que “as artistas estamos nun momento en que as nosas voces empezan a ter forza e a escoitarse”.

Descargar todas as imaxes