Vigo levará a súa proposta turística a Fitur o 23 de xaneiro
Os datos de ocupación hostaleira rexistrados o pasado mes de novembro, cun 68,8% de prazas ocupadas, confirman que “seguimos batendo récords de turismo na cidade”, segundo asegurou este xoves o alcalde ao anunciar que Vigo levará a súa oferta a Fitur o día 23 de xaneiro.
O alcalde recalcou hoxe que os niveis de ocupación hostaleira rexistrados o pasado mes de novembro, co 68,8 por cento das prazas cubertas, constatan unha subida de 12,4 puntos con respecto ao mes de novembro do ano 2023. “Isto sinala o que é Vigo e o tirón da marca Nadal Vigo, e o que significa para a cidade e no turismo para España”.
Caballero, tras avanzar que o día 23 de xaneiro de 2025 o Concello volverá presentar a súa oferta turística en Fitur, incidiu en que os datos de novembro son os mellores da serie histórica dos mesmos meses de exercicios anteriores.
O rexedor chamou a “prepararse” ante os datos de ocupación que se rexistrarán en 2025 porque “volveremos bater récords turísticos e todo feito desde o Concello de Vigo e absolutamente nada desde a Xunta”.
Visitantes
O rexedor explicou que do total dos turistas, o 52,1 dos visitantes proceden de distintas localidades españolas; o 14,8 por cento son de Galicia, e o 33,0 por cento son de procedencia internacional. Destes, o 54,3 por cento son de Portugal; o 8,75% proceden de Estados Unidos; o 5,6 son de Italia; o 5,2 por cento son de Francia: o 5,2 por cento son de Reino Unido FITUR. “Seguiremos traballando nesa dirección porque o turismo é economía” afirmou Caballero ao recalcar que PP e BNG “queren apagar o Nadal de Vigo”.