O sábado 16 actívase o Plan de Mobilidade de Nadal, vixente ata o apagado das luces
Abel Caballero deu conta esta mañá do arranque do Plan de Mobilidade de Nadal que comezará co acto do acendido do alumeado previsto o sábado 16 de novembro, ás 20,00h. Os días considerados de máxima afluencia e os cambios na circulación normal cos itinerarios alternativos poderán consultarse na páxina web municipal.
O Plan de Mobilidade de Nadal activarase ao tempo que se acenden as luces, ás 20,00h do próximo sábado 16 de novembro. Ante o previsible aumento de peóns e coches no centro, estableceranse cambios no tráfico habitual baseándose en tres eixos: respecto ao acceso rodado aos domicilios, circulación máxima de vehículos a 10km/h e favorecer o servizo de transporte público.
Tal e como explicou Caballero, establecerase un perímetro de acceso restrinxido ao tráfico rodado, que inclúe as rúas máis próximas ao epicentro das actividades de Nadal. A recomendación xeral, engadiu, é acceder a este perímetro en transporte público ou camiñando, salvo no caso de residentes ou para acceder aos aparcamentos. Ademais, este ano a veciñanza da zona central contan cunha autorización para facilitarlles o acceso aos seus domicilios dentro do perímetro con limitacións de mobilidade.
As medidas de tráfico estarán vixentes desde o próximo sábado ata o día do apagado, entre as 17,00 e as 23,30h, os días de máxima afluencia, dadas dispoñibles na páxina web municipal. O Plan de Mobilidade inclúe cambios na circulación normal de varias rúas do centro e os itinerarios alternativos recomendados tamén poderán consultarse na páxina web.
Puntos de emerxencia
Abel Caballero deu conta da existencia de postos de emerxencia e atención cidadá, cun servizo de primeiros auxilios en Porta do Sol, 13 e dúas ambulancias os días de alta afluencia, situadas en Reconquista e Paseo de Alfonso, entre as 17,30 e as 22,00h. Ademais, un servizo itinerante de Protección Civil estará presente en todo o ámbito.
Respecto dos autobuses turísticos, haberá un espazo na rúa Areal para deixar e recoller pasaxeiros no centro da cidade pero terán que permanecer aparcados noutras zonas, como a praia de Samil.