Escoitar

40 nenas e nenos acompañarán aos Reis Magos na cabalgata da cidade

O goberno municipal aproba as bases do concurso para seleccionar á cativada que, subida ás carrozas, formará parte da comitiva real que percorrerá as rúas viguesas o vindeiro 5 de xaneiro.

venres, 8 nov 2024
Imaxe de arquivo da cabalgata de 2024
Imaxe de arquivo da cabalgata de 2024

Abel Caballero explicou este venres que os Reis Magos veñen de trasladar a súa vontade de que “os acompañen 40 nenos e nenas da cidade nas carrozas” durante a cabalgata que se celebrará o domingo 5 de xaneiro de 2025.

Así, o Concello inicia o procedemento para seleccionar aos axudantes que formarán parte da comitiva real. Poderán participar todos os nenos e nenas da cidade nacidos entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2016, ámbolos dous incluídos. As familias interesadas en participar no sorteo, deben depositar o formulario de inscrición nas caixas de correos do Carteiro Real que se instalarán na entrada do Concello e nos Centros Cívicos de Teis, Casco Vello, Coruxo e Saiáns.

É necesario cubrir a solicitude de participación, que poderá descargarse da páxina web municipal, e tamén se repartirán exemplares nos centros cívicos, colexios e asociacións culturais. O período de inscrición será do 20 de novembro ao 10 de decembro de 2024. O sorteo público será o 16 de decembro ás 12,00 horas no Auditorio Municipal do Concello.

 

Descargar todas as imaxes