Caballero apunta que a San Silvestre deste 31 de decembro na Porta do Sol baterá "récord de entusiasmo"
O alcalde de Vigo anunciou hoxe a apertura do período de inscrición para a San Silvestre solidaria, que terá a súa saída e chegada na Porta do Sol e que comezará o 31 de decembro, martes, ás 17:00 horas e sinalou que, malia non ser unha carreira competitiva "en termos deportivos, é moi competitiva en festa".
O rexedor informou de que para goce dos milleiros de inscritos que se esperan nesta cita "adiantaremos unha hora o acendido das luces de Nadal". "Cando falamos da San Silvestre, falamos de algo moi importante no ámbito festivo. O día é magnífico e a hora é boa para que as familias poidan voltar tranquilamente as súas casas para preparar a cea da noite", manifestou.
O evento, con inscrición de balde, é "non competitivo en termos deportivos, pero moi competitivo en festa", indicou Caballero. Haberá nove premios, tres por categoría (nenos e nenas, maiores e grupos) para os mellores disfraces. E animou a que sexan "orixinais". Como sempre, apuntou, "esperamos récord de participación", e chanceou: "Tódolos anos dicimos o mesmo, pero o récord é de entusiasmo, porque é unha carreira festiva na que a cidade sinte o que está a suceder: un proceso de unidade tan importante".
O percorrido é o habitual das últimas edicións, chairo ou en baixada (Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Rosalía, Serafín Avendaño, Areal, Pontevedra, Marqués de Valladares, Carral, Cánovas del Castillo) ata a pequena dificultade de Mestre Mateo, en subida, para logo correr por Teófilo Llorente; despois, o meirande esforzo subindo a Rúa Real, Méndez Núñez e Rúa Alta, para rematar baixando Elduayen e Porta do Sol.
A recollida de dorsais poderá facerse o luns 30 (todo o día) e o martes 31 (ata as cinco do serán) no centro comercial El Corte Inglés. Haberá tamén recollida de alimentos non perecedoiros, que xestionará o Banco de Alimentos de Vigo.
O alcalde valorou o apoio das empresas ao "maior evento lúdico deportivo de Vigo". O Concello patrocina xunto con El Corte Inglés e apoian Máis que Auga, Coca-Cola, Gadis, Hyundai Hyupersa Vigo, Frutas Nieves e Avanza Vitrasa. A inscrición está aberta en internet (www.carreirasgalegas.com). A Federación Galega de Atletismo levará o control técnico da proba.