Escoitar

O alcalde mobilizará á cidadanía para urxir o AVE directo por Cerdedo, a Saída Sur e a autovía ao Porriño

O Pleno de Vigo aprobou hoxe, cos votos a favor do grupo socialista, a abstención dos edís do BNG, e co abandono dos concelleiros do PP, a moción defendida por Abel Caballero para urxir aos gobernos de España e de Portugal a acelerar “ao máximo” as obras de conexión en alta velocidade entre Porto e Vigo co obxectivo “irrenunciable” de finalizalas en 2030. A moción tamén recoñece o compromiso do Goberno de España para seguir co proxecto da conexión directa de Vigo a Madrid por Cerdedo, que foi paralizado no mandato de Mariano Rajoy.

xoves, 7 nov 2024

Abel Caballero volverá mobilizar á cidadanía de Vigo en defensa das “irrenunciables” conexións do AVE e para sinalar aos políticos “que quedaron calados” e que son “culpables” de deixar á cidade sen tren de alta velocidade, en alusión aos edís do PP e do BNG.

O alcalde avanzou que celebrará tres concertos revindicativos en Vigo. O primeiro terá lugar o vindeiro martes 26 de novembro na Porta do Sol para defender a conexión directa a Madrid por Cerdedo. Dúas semanas despois, o mércores 11 de decembro, haberá unha segunda cita para defender a saída sur ferroviaria. O último concerto, previsto para o martes 3 de xaneiro de 2025, estará centrado na autovía entre Vigo e O Porriño. Nese punto, defendeu que "os concertos son grandes mobilizacións para que se vexa a nosa forza". 

O rexedor incidiu en que todos os gobernos con presidentes do PP paralizaron os proxectos de alta velocidade demandados por Vigo, en contraste coas decisións dos executivos socialistas que retomaron e impulsaron as demandas que lles expuxo. Lembrou que no ano 2002 Vigo quedou excluída do AVE coa renuncia da entrada en L e aceptaron a proposta do exministro do PP, Francisco Álvarez Cascos que só incluía a liña A Coruña-Santiago-Ourense-Madrid. “Gobernaba en España José María Aznar e o PP deixou a Vigo sen AVE e o goberno do nacionalista Lois Pérez Castrillo aceptouno”, apuntou Caballero ao recalcar que en contraste, o executivo socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, no ano 2010, asumiu a súa demanda da conexión directa con Madrid por Cerdedo, e que en 2011, unha das primeiras decisións do expresidente do goberno do PP, Mariano Rajoy, con Alberto Núñez Feijóo e Ana Pastor, foi paralizar unha infraestrutura que foi recuperada no primeiro mandato de Pedro Sánchez.

Abel Caballero, tras incidir en que a entrada en túnel do tren de alta velocidade se debe ás decisións adoptadas polos gobernos socialistas de Vigo e Madrid, apuntou que nos cumios de Garda, en 2020, e de Viana do Castelo, en 2022, os gobernos de España e Portugal acordaron a unión de Vigo e Porto no horizonte de 2030; e que no de Faro, o pasado mes de outubro, acordaron finalizar as obras do AVE entre os dous países en 2032. Ademais, sinalou que a principios de 2025 debería estar rematado o estudo informativo da saída sur ferroviaria en túnel.

O alcalde trasladou á Corporación a necesidade de tomar a decisión "adecuada" de continuar con todos os estudos para executar a liña directa Vigo-Ourense por Cerdedo. "Custa diñeiro, claro, pero é que ese tren dá servizo a un área de 750.000 persoas e dúas grandes cidades, e dá máis servizo que o tren da Coruña. Que se dedique o diñeiro que se lle teña que dedicar. Terán que gastar o que custe porque non imos parar".

O rexedor incidiu en que mentres os líderes políticos do PP da cidade aceptaban todos os acordos dos gobernos de Mariano Rajoy e de José María Aznar que perxudicaban a Vigo, el impulsou o relanzamento dos proxectos da alta velocidades nos gobernos de José Luis Rodríguez Zapatero e Pedro Sánchez, e mobilizou á cidade para defender o AVE.

O alcalde preguntou aos edís do PP porqué non defenderon a saída sur do tren de Vigo ante Rajoy se insisten en sinalar a súa importancia. "Nunca o dixeron porque se empezase estaría acabado agora", afirmou.

Demanda

A moción inclúe a reclamación ao PP e ao BNG de que pidan perdón a cidadanía por aceptar en 2006 que o tren chegase a Vigo en superficie imposibilitando a saída en túnel. “Que lle pidan perdón a esta cidade pola neglixencia e a posición intolerable que adoptaron, relegándonos a ser a única gran cidade de España sen tren de alta velocidade”.

O grupo municipal socialista mantivo integramente o texto da súa moción coa censura aos sucesivos gobernos do PP e BNG que relegaron a Vigo no proxecto do AVE.

Descargar todas as imaxes