Escoitar

"Vigo Arte Contemporáneo" chega en decembro ao Auditorio Mar de Vigo

Abel Caballero presentou este mércores a primeira edición do encontro “Vigo Arte Contemporánea”, VARCO, que se celebrará do 12 ao 15 de decembro no Auditorio Mar de Vigo coa participación de 30 artistas tanto noveles como cunha traxectoria consolidada.

mércores, 6 nov 2024

O alcalde animou hoxe a asistir á primeira edición de “Vigo Arte Contemporánea” que durante catro días ofrecerá a oportunidade de interactuar cos 30 artistas participantes e de adquirir directamente a súa obra. Caballero destacou o “privilexio” que conleva que en VARCO poida establecerse unha comunicación sen intermediarios entre os artistas e o público.

Para o rexedor, a primeira convocatoria de "Vigo Arte Contemporáneo" é o resultado do “traballo excepcional” da iniciativa comisariada por Eva López Tarrío e do comité organizador (Tatiana Lameiro, Noa Blanco e Alba Crispín). Na rolda de prensa tamén participaron os creadores Diana Cordero e Iván Prieto, en representación doas artistas que exporán.

Oportunidade única

Eva López Tarrío apunta que VARCO é “unha oportunidade única” para que 30 artistas, fundamentalmente de Vigo, non só expoñan as súas creacións, senón que contacten directamente cos visitantes e os posibles compradores. “É unha forma de achegar a arte e para que comprar unha obra de arte non sexa algo excepcional senón algo fácil e máis cotiá e que, ademais, se comparta co artista en directo”.

A comisaria explicou que durante a cita desenvolveranse obradoiros, conferencias e concertos en directo, entre outros actos. Na rolda de prensa tamén estivo presente o responsable do Auditorio Mar de Vigo, Iñaki Teixeira.

Descargar todas as imaxes