Escoitar

O Concello renova o seu apoio á programación, con seis concertos, da Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211

O Concello renova o seu apoio á Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211 para que desenvolva a programación 2024-2025, que arrincará o vindeiro sábado 30 de novembro co concerto para celebrar o día de Santa Cecilia. O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, animou hoxe a asistir aos seis concertos dunha formación que contribúe á formación de mozos músicos e que “mantén unha programación estable para deleite da cidade”.

martes, 5 nov 2024

A Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211 programou, desde o próximo 30 de novembro ata outubro de 2025, un total de seis concertos que se desenvolverán en celebracións claves como o Día de Santa Cecilia, Nadal, Aninovo ou A Reconquista. A estes súmanse as interpretacións de música clásica en parroquias e o concerto de verán.

O edil de Cultura trasladou este martes aos responsables da orquestra, José Manuel Fernández, Amancio Pérez e Nieves García, o agradecemento do goberno municipal polo esforzo que realizan para aproximar a música a todos os recunchos da cidade, así como por formar á mocidade e conseguir que alcancen un gran nivel de interpretación.

Gorka Gómez animou hoxe á cidadanía a asistir aos concertos. Amancio Fernández Pérez, portavoz e tesoureiro da Asociación Kv2211, recalcou que a programación “sería irrealizable sen a axuda do Concello de Vigo”.

José Manuel Fernández, presidente e director da orquestra, destacou a presenza en Vigo, con motivo do primeiro concerto o sábado 30 de novembro, do director e intérprete cubano Guido López-Gavilán, así como o esforzo realizado polos mozos músicos para interpretar pezas da música popular cubana.

Programa

  • Venres 30 de novembro. Concerto "Saudade de Cuba". 20.00 horas. Cine Salesianos
  • Domingo 22 de decembro. Concerto de Nadal. 12.00 horas. Auditorio Municipal do Concello de Vigo
  • Sábado 11 de xaneiro de 2025. Concerto de Aninovo. 19.00 horas. Centro Cultural de Beade
  • Sábado 29 de marzo de 2025. "Música para unha Reconquista". 12.00. Concatedral
  • Venres 20 de xuño de 2025. Concerto de Verán. 20.00. Auditorio Municipal
  • Outubro 2025. Música clásica polas parroquias
Descargar todas as imaxes