Caballero presenta o coche colaborativo conectado para estender a tecnoloxía de Policía Local e bombeiros a todos os vehículos
Abel Caballero presentou hoxe o prototipo do vehículo colaborativo conectado que xa circula pola cidade copiando información e facendo ensaios co obxectivo de realizar o mércores 13 de novembro unha demostración sobre as posibilidades que ofrece a nova tecnoloxía para a condución. Trátase de estender a todos os coches da cidade os avances que xa utilizan as unidades da Policía Local e de bombeiros.
O alcalde explicou este martes que a presenza nas rúas de Vigo do prototipo de vehículo colaborativo conectado incardínase no proxecto IN2CCAM, financiado pola UE dentro do programa “Horizonte Europa”, no que participan tamén as cidades de Tampere, de Finlandia; Trikala, de Grecia; Turín e Bari, de Italia; e a área metropolitana de Braga, Barcelos, Guimarães e Famaliçao.
Trátase de servizos de mobilidade cooperativa conectada e automatizada o que supón que cada coche que circule no futuro levará unha tecnoloxía que lle permitirá detectar o que suceda nunha contorna de 200 ou 300 metros, como a presenza de peóns transitando indebidamente, fochancas ou semáforos sen funcionamento. Esa mensaxe enviarase a través do seu propio sistema automatizado e chegará ao resto de automóbiles que se atopen na zona”, detallou o rexedor. “É o futuro da seguridade e da circulación”, incidiu o alcalde.
O estudo, que conta con 5 millóns de euros de financiamento europeo, está liderado desde Vigo, destacou Caballero. O coche denomínase CARLOTA, Car Learn On-road Think Autonomus. “En suma, é un coche que percibe, asume, aprende e transmite de forma automática”, apuntou.
Caballero lembrou que Vigo conta desde 2021 coa aplicación “Vigo Driving” que proporciona información en tempo real sobre obras, accidentes ou aproximación de vehículos de emerxencia. “Este modelo novo aínda vai superar o que estamos a facer xa neste momento”, sinalou ao lembrar que coa aplicación, os vehículos da policía e os bombeiros contan cun sistema que lles dá prioridade semafórica para chegar canto antes ao obxectivo. “Estamos a continuar para que isto se estenda a todos os coches da cidade”.