O alcalde reclama á Xunta que financie o cento por cento das escolas infantís municipales
Abel Caballero anuncia que o Concello irá aos tribunais se a administración galega non atende ao requirimiento de Vigo. “Imos ir aos tribunais”, indicou o rexedor.
Abel Caballero, á vez que demandou hoxe á Xunta que asuma o pago dos 2.375.000 euros que o Concello de Vigo destina ao ano para financiar as 9 escolas infantís municipais, lembrou que na reunión con Alfonso Rueda reclamoulle que “a gratuidade das escolas infantís tamén tiña que ser para as municipais de Vigo”, e denunciou que o executivo galego non está a atender esta petición e, por tanto, “imos demandar nos tribunais”.
O rexedor incidiu en que se reclamará por vía xudicial “que igual que paga a gratuidade noutros concellos, tamén ten que pagar as municipais de Vigo porque non se entende que pague as dos concellos, moitas veces do PP, e non as da cidade”.
Caballero explicou que aos 407.000 euros de financiamento para as escolas infantís de Vigo, achegados pola Xunta no curso 2023-2024, hai que restar os preto de 300.000 que achega o Concello aos de Hernán Cortes e a rúa Palencia, “co que practicamente non paga nada porque pagamos todo desde o o goberno municipal”.
Investimento
O investimento do Concello en 2024 ascende a 269.000 euros na escola de Lavadores; 272.250 na de Navia; 262.852 na da Praza da Industria; 269.060 na de Saiáns; 273.400 na de Teis; 249.405 na de Tomás Alonso; 246.515 no centro de Bouzas-Casiano Martínez; 223.135 no de Maestres Goldar e 309.635 no de Bembrive. “Todo pagado polo Concello de Vigo e a Xunta fixo unha norma que non se aplica ás escolas municipais”.
Subvencións
O rexedor anunciou que a Xunta de Goberno aprobou hoxe un convenio coa Asociación Amas de Casa “Agarimo” cunha subvención de 13.000 euros. A este hai que sumar o acordo coa Asociación de Amigos do Rocío de Vigo para axudarlles no alugueiro do local e de parte das actividades que ascende a 5.000 euros.