Escoitar

Abel Caballero: “Estamos tratando a posibilidade de que Vigo acolla os Premios Max en futuras edicións”

O rexedor mantivo esta mañá un encontro con Rubén Gutiérrez, responsable dos galardóns e director xeral da Fundación SGAE. Amais, Caballero referiuse aos datos do aeroporto de Vigo que rexistra unha subida do 0,4% con respecto ao mes de agosto do ano pasado.

xoves, 12 set 2024

As dependencias municipais acolleron esta mañá o encontro entre o alcalde da cidade e Rubén Gutierrez, responsable dos Premios Max e director xeneral da Fundación SGAE. Caballero indicou que no encontro trataron a posibilidade “de que Vigo acolla unha das futuras entregas dos Premios Max”.

Os Premios Max das Artes Escénicas, foron creados en 1998 pola Sociedade Xeral de Autores e Editores, co fin de premiar e recoñecer o labor dos profesionais e a calidade das producións máis destacadas do ano nese ámbito. O alcalde sinalou que “a Rubén Gutierrez, Vigo parecelle un lugar extraordinario para celebrar o evento de entrega dos galardóns”, polo que “imos dialogar esta posibilidade”. “Sería un reforzo da gran mobilización cultural que se realiza na cidade”, apuntou Caballero.

Datos de ocupación do aeroporto de Vigo

Abel Caballero tamén se congratulou dos bos datos de tráfico aéreo da cidade, que son “unha mostra da fortaleza de Vigo”. Os datos de pasaxeiros do mes de agosto do aeroporto de Vigo rexistran unha subida do 0,4% con respecto ao mes de agosto do ano pasado, elevándose ata os 116.760 pasaxeiros. O alcalde recordou que “convén que se realice a comparación” cos outros aeroportos de Galicia, nos que “Santiago cae un 4,5% e A Coruña redúcese un 6,21%”.

Descargar todas as imaxes