Caballero desexa un bo inicio do curso aos máis de 36.000 estudantes que hoxe volveron ás aulas
O alcalde achegouse ao CEIP Pintor Laxeiro con motivo no inicio do curso escolar, onde expresou os seus ánimos e desexou unha boa tempada ao alumnado e profesorado. O Concello inviste cada ano máis de 8 millóns de euros na Educación Primaria.
Coincidindo co primeiro dia do curso escolar, Abel Caballero achegouse ao CEIP Laxeiro para desexar ánimo e unha boa tempada ao estudantado e profesorado de Vigo. Máis de 36.000 alumnos e alumnas retoman un ano máis á volta ás aulas.
O Concello puxo en marcha un plan de tráfico na xornada de hoxe coa finalidade de facilitar o transporte e o acceso aos distintos centros educativos “que funcionou ben grazas a experiencia de moitos anos”, dixo o rexedor. Amais, invitou a todos os colexios que o precisen a solicitar un plan de acceso e saída en coordinación co Concello para a mellora do tráfico no seu ámbito de influencia.
“Ao longo do verán realizamos obras de mellora en 25 centros educativos da cidade”, explicou Caballero. Aproveitou para recordar que “desde que empezou o 2024 actuamos en máis de 40 colexios”, mostra da “nosa atención permanente aos centros da cidade”. Dende o Concello, “cada ano dedicamos 8 millóns de euros á Educación”.
O alcalde tamén informou que mañá comezan os cursos de seguridade viaria que cada ano o Concello pon en marcha para concienciar da seguridade e coñecer medidas de precaución para os peóns. Estes itinerarios formativos son impartidos nas escolas infantís, no último ciclo de Primaria, a ESO, FP, educación especial e centros de saúde.
Abel Caballero explicou que estas xornadas abordan a convivencia, a prevención de accidentes, actitudes e condutas, respecto á sinalización, o uso do casco nas bicicletas ou o uso do no móbil, así como outros comportamentos de risco que deben ser descartados.