Caballero proporá a Lola Galovart como Valedora da cidadanía tras o cese voluntario de Luís Espada
O alcalde informou de que o Valedor do Cidadán, Luis Espada, renunciou ao cargo que ocupaba desde 2002 por razóns persoais, polo que anunciou que proporá como sucesora á maxistrada Lola Galovart, coa que hoxe mantivo un encontro.
Abel Caballero anunciou esta mañá o cese por petición propia do actual Valedor da cidadanía, Luís Espada, cargo ao que accedeu no ano 2002. Logo de explicar que a decisión responde a razóns persoais, o alcalde eloxiou a súa “excepcional” labor acompañada dunha “notable” traxectoria como reitor da Universidade, catedrático ou investigador. “Realizou un magnífico traballo que lle agradezo infinito no nome da cidade”, destacou.
Ao mesmo tempo, Caballero avanzou que proporá a Lola Galovart Carrera como sucesora de Espada. Augurou que fará unha labor “excepcional” como Valedora da cidadanía tal e como avala a súa traxectoria profesional. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago,: Maxistrada en Gran Canaria, Vigo, Ferrol, Ponteareas e Torrelavega; deputada no Congreso na XII lexislatura; vice valedora do Pobo en Galicia; asesora do Defensor do pobo; técnica de xestión da Seguridade Social e avogada en Vigo. Caballero fará esta proposta ao Pleno da Corporación.