Volve o Club de Lectura do MARCO
Abel Caballero informou do prazo de inscrición, que comeza o 17 de setembro. A inscrición é gratuíta.
Abel Caballero informou da nova tempada do Club de Lectura do MARCO 2024-2025. O prazo de inscrición comezará o 17 de setembro ás 9 horas. As persoas interesadas poderán formar parte dalgún dos grupos mandando a súa documentación a centro.documentacion@marcovigo.com, achegando o seu nome, apelidos, teléfono de contacto e grupo no que lle gustaría participar. A capacidade máxima por cada clase é de 15 participantes.
O Club #BiblioMARCO é unha actividade gratuíta, concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas nas artes en xeral. Os eixes argumentais das novelas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións, e cada sesión está acompañada con material de apoio e catálogos que, máis alá da lectura en si, establecen relacións con obras e movementos artísticos, música e cinema, o que converte o club #BiblioMARCO nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea. A iniciativa xorde na tempada 2019-2020, con varios grupos presenciais, aos que posteriormente se sumou outro virtual, unha modalidade que permite superar limitacións físicas e facilitar o acceso á cultura. O obxectivo é construír un espazo de debate e pensamento crítico en torno aos múltiples temas que aparecen nos libros e achegar, por esta vía, a arte contemporánea a novos públicos. Co tempo, o club #BiblioMARCO foi xerando unha sensación de comunidade que o convirte nun espazo de vinculación intelectual e tamén afectiva.
As sesións compleméntanse con actividades paralelas vencelladas ás lecturas de cada tempada. Entre as máis recentes, a mesa redonda “Disquesomos. Creatividade e edición na Galicia de hoxe”; a proxección do documental “Excluidas del paraíso”; ou a conversa con Marcos Giralt Torrente sobre o seu libro La pintura de un padre; ademais de visitas comentadas ás exposicións do MARCO.
Biblioteca-Centro de Documentación
A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO, situada no 1º andar do Museo, é un servizo con entrada libre para todo tipo de públicos, que ten como obxectivo proporcionar información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI e outros aspectos relacionados coa cultura contemporánea. O fondo bibliográfico ascende a 8.256 publicacións que abranguen áreas como teoría da arte, filosofía, historia, pedagoxía, museología, movementos artísticos ou coleccións. O corpo principal da Biblioteca son monografías, catálogos de artistas e catálogos colectivos, ademais dunha hemeroteca de revistas especializadas.