Escoitar

A Policía Local despregará a partir do mércores un plan especial para facilitar o acceso aos colexios

Abel Caballero anunciou este luns que o Concello de Vigo activará a partir do mércores 11 de setembro, co inicio do curso, todos os plans de tráfico deseñados para facilitar o acceso aos colexios, e a apertura da nova escola infantil da Praza da Industria.

luns, 9 set 2024

O alcalde detallou hoxe que os colexios arrincarán as clases o vindeiro mércores cun plan de tráfico deseñado polo goberno local para garantir aos 36.000 alumnos e alumnas de Vigo “os mellores accesos e as mellores condicións” para achegarse aos seus colexios.

Caballero avanzou o despregamento dun número importante de axentes da Policía Local tanto na entrada como na saída dos centros, especialmente durante os primeiros días de inicio do curso, “para facilitar e axilizar o tráfico”, así como a dispoñibilidade dos aparcamentos e o acceso dos autobuses e dos vehículos particulares. “Seguimos apoiando a educación en Vigo, esta vez , co acceso e a capacidade de moverse na contorna dos colexios, nas entradas e nas saídas”, recalcou o rexedor.

Nova escola infantil

O Concello de Vigo abriu este luns a nova escola infantil da Praza da Industria. Conta con 82 prazas e acollerá aos nenos e nenas da de Santa Marta, segundo anunciou hoxe o alcalde. Tamén lembrou que o centro, que conta cun investimento dun millón de euros pago de forma íntegra polo Concello, facilita a gratuidade tanto da escolarización como do comedor, ambos financiados pola administración municipal.

Descargar todas as imaxes