Aberto o prazo de matrícula para participar nos talleres gratuítos da Casa das Mulleres
A Casa das Mulleres abre o prazo de inscrición para participar, de forma totalmente gratuíta, na programación das actividades que desenvolverá desde este mes de setembro ata decembro.
O alcalde anunciou este xoves o reinicio da programación, ata final de ano, na Casa das Mulleres, e a apertura do prazo de matriculación para participar de forma totalmente gratuíta nas actividades.
Entre os talleres organizados atópanse o de canto “Con voz propia”; o de autoestima “Ti ou vales”; o titulado “Sácalle partido ao teu móbil”, e o de formación en igualdade para profesionais do eixo educativo e social. "Seguimos facendo políticas de igualdade", afirmou o rexedor.
O alcalde lembrou que toda a información sobre os talleres está na web www.igualdadevigo.org, así como na axenda da web municipal www.vigo.org.
Axudas de emerxencia
Caballero explicou que a comisión de axudas de emerxencia celebrada esta semana asignou 36.227 euros. Recalcou que dos 106 apoios concedidos, un total de 25 destínanse para gastos de vivenda por un importe de preto de 10.000 euros, “que significan que evitamos 25 desafiuzamentos”, aos que se suman outras 52 para subministracións, 20 para alimentación e gastos médicos.
O alcalde indicou que desde xaneiro o Concello de Vigo concedeu un total de 3.125 euros en axudas, por valor de 1.052.883 euros, e lembrou que son compatibles coa percepción do Ingreso Mínimo Vital. “Seguimos aplicando a política social a través de diferentes programas e de forma continuada a través das axudas de emerxencia”, recalcou.