O goberno local destina máis de 832.000 a cubrición da pista deportiva de Zamáns
O alcalde anunciou que a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto para a cubrición da pista exterior, localizada no Centro Cultural. Tamén se aprobou o proxecto para a construción dun muro de contención e peche no Colexio Igrexa – Valladares.
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto para cubrir a pista deportiva de Zamáns. O importe de licitación é de 832.343 euros. “É case como un novo pavillón”, resumiu o alcalde, que deu conta da actuación, que suporá a cubrición de 1.105 metros cadrados.
Abel Caballero explicou que está proxectada unha estrutura de pórticos de madeira laminada, con paneis metálicos e lucernarios que permiten manter unha iluminación natural. Amais, construirase unha edificación semienterrada de máis de 150 metros cadrados destinada a almacén. Con esta obra tamén se renovará o pavimento da pista, construirase unha bancada de 27 metros de lonxitude en formigón e haberá zonas verdes e nova iluminación led.
Novo muro no CEIP Igrexa-Valladares
A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto para a reconstrución dun muro de contención e humanización na zona do CEIP Igrexa-Valladares. O importe é de 201.776 euros. Segundo detallou o rexedor, as obras consisten na demolición do muro existente, un novo de granito en bloques, a reconstrución do pavimento na zona superior do aparcadoiro e novas recollidas de pluviais. A obra inclúe unha nova beirarrúa e 12 novas árbores. Caballero lamentou que estas actuacións estruturais as asuma o Concello en lugar da Xunta de Galicia, que é a administración competente.