Caballero expresa o "entusiasmo" de Vigo por ser o epicentro nacional da Semana Europea do Deporte
Abel Caballero expresou este venres o “entusiasmo” de Vigo por ser o epicentro da Semana Europea do Deporte ao acoller o evento central en España dunha iniciativa que permitirá á cidadanía participar dun intenso programa de actividades gozando de xornadas de portas abertas nas instalacións municipais. Os actos desenvolveranse do 23 ao 30 de setembro baixo o lema “#BeActive”.
O alcalde trasladou hoxe ao sudirector do Consello Superior de Deportes, Juan Martorell, durante o acto de presentación da Semana Europea do Deporte que converterá a cidade no escenario central das actividades organizadas en España, que “Vigo é deporte. En Vigo somos deporte. Forma parte do noso ADN e da nosa forma de entender a vida porque arraiga nesta cidade como unha cultura central porque é máis ca unha actividade física e de lecer”.
Ante un número importante de deportistas da cidade, o rexedor recalcou a “inmensa” oferta e actividade deportiva que desprega o Concello na cidade durante todo o ano.
Caballero destacou que o goberno municipal programa seis novos pavillóns deportivos e do Vigo Area. “Queremos superar o Palau Sant Jordi de Barcelona, e o WiZink de Madrid porque queremos que o deporte teña as mellores condicións porque ten as e os mellores deportistas”, afirmou.
O rexedor recalcou que a cidade conta con 35 campos de fútbol municipais.
Actividades
O sábado 28, a Porta do Sol será o centro das actividades. Desde as 10:00 horas ata as 22:30 despregarase un escenario desde o que os monitores dirixirán clases gratuítas de zumba, baile deportivo, baile caribeño, fit boxing e body combat. Ofrecerase a posibilidade de practicar: pickleball, tenis de mesa, freestyle (malabarismos con balón de fútbol), patinaxe, esgrima, rocódromo, xadrez, hip hop ou bádminton. Tamén se realizará unha carreira popular (non competitiva) ás 10:30 horas. Desenvolverase con saída e meta na confluencia de Porta do Sol con Elduayen. Será unha volta a un circuíto de 4km: Porta do Sol, Elduayen, Poboadores, San Francisco, Ribeira de Beiramar, Teófilo Llorente, Mestre Mateo, Cánovas del Castillo, Carral, Victoria, Arenal, Serafín Avendaño, Rosalía de Castro, García Barbón, Colón, Marqués de Valladares, Fermín Penzol, Princesa e Porta do Sol.
O día 28, o Concello e o CSD homenaxearán aos olímpicos vigueses polos seus éxitos en París 2024.