Escoitar

Caballero di que o Internacional Cidade de Vigo de grupos show, “é un dos grandes espectáculos de Galicia”

O Trofeo Internacional Cidade de Vigo de grupos show vaise celebrar esta fin de semana (16:00 horas, sábado e domingo) no Pavillón Central do complexo deportivo municipal das Travesas.

martes, 2 xul 2024

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, que definiu o evento como “un dos grandes espectáculos e accións deportivas desta cidade e tamén de Galicia”, amosou o seu “entusiasmo” por esta competición, que por vez primeira contará cun club francés.

Por segundo ano consecutivo en xullo, o torneo, nacido no 2016, foi presentado polo rexedor, que avanzou que haberá preto de 700 patinadoras e patinadores (“un número importantísimo”, dixo) de trinta e cinco clubs: cinco de Vigo, “que é o que me gusta”, incidiu, vinte e dous do resto de Galicia, un francés (Aunis Atlantique Patinage, da localidade de Saint Jean de Liversay) e sete portugueses.

Acompañado polo presidente do Patín Vagalume Celtamotor, Miguel Quereizaeta, pola adestradora Bea Fernández e por catro patinadoras da entidade (Noa, Aroa, itziar e Clara), Caballero sinalou que “o nivel no que nos movemos é certamente notable, cunha patinaxe dunha calidade excepcional”.

O Club Patín Vagalume, por sétima edición co patrocinio do Concello a través da Fundación VIDE, organiza o evento. Oito categorías en discusión (grupos grandes, pequenos, júnior e promocionais pequenos e grandes, e cuartetos nacionais júnior e sénior ademais de cuartetos promocionais/cadete), as mesmas que en 2023, e dúas xornadas de serán que comezarán co desfile de participantes (16:00 horas) para dar paso á competición (16:30).

Miguel Quereizaeta, presidente do Vagalume, lembrou que haberá competindo ata cinco clubs vigueses (Carpa Grupo Viqueira, Vagalume Celtamotor, El Olivo e CP Balaídos) e que a novidade será a representación francesa, inscrita na categoría de cuartetos júnior nacional. Con catro horas de competición cada xornada, por As Travesas pasarán un total de 47 grupos, entre grandes e pequenos, e 14 cuartetos. A participación lusa, do norte do país veciño, pero tamén da área de Lisboa.

Descargar todas as imaxes