O Ifevi acolle esta fin de semana a "Kokoro Japan Expo", con actividades exclusivas de referencia internacional
Actividades e exhibicións exclusivas, ademais da participación de relevantes figuras internacionais, sitúan á nova edición de “Kokoro Japan Expo”, que se celebrará os día 6 e 7 de xullo no Instituto Feiral de Vigo, como unha das citas de referencia nacional e internacional ao redor da cultura xaponesa. “Que todo Vigo veña a Ifevi a contemplar unha feira excepcional”, convidou este martes o alcalde ao presentar, coa concelleira de Turismo María Lago, a nova edición da cita.
A segunda edición de “Kokoro Japan Expo”, que se celebrará a próxima fin de semana en Ifevi, duplica espazo ao alcanzar os 11.000 metros e arrinca coa expectativa de contar con 10.000 participantes como consecuencia das numerosas e exclusivas actividades programadas.
Ante a dimensión da cita, que este ano inclúe como novidade a instalación de dous escenarios que centralizarán parte das actividades, Abel Caballero anima á cidadanía a achegarse ao Ifevi para “contemplar e gozar dunha feira que é unha marabilla”.
Os organizadores, Óscar Gómez e Castor Vázquez, explicaron que o programa está deseñado para que goce toda a familia. As persoas asistentes poderán gozar de exhibicións de Cosplay (caracterizacións cos personaxes de anime, manga, anime e cómics) de artes marciais, así como de caligrafía e pintura con pincel xigante.
Despregarase unha mostra con 4.000 funkos, ademais dunha scape room, unha zona de Arcades retro con pezas xaponesas orixinais, un mercadillo con pezas únicas e múltiples talleres.
A feira permanecerá aberta desde as 10 da mañá e ata as 9 da noite.