O Concello ten executado xa o 50% do orzamento de 2023
O edil de Facenda, Jaime Aneiros, deu conta do estado da execución de gastos e ingresos do orzamento e do informe de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos de pago e do período medio de pagamento do primeiro trimestre de 2023.
Jaime Aneiros expuxo que o goberno municipal leva executados máis de 200 millóns de euros, o que supón o 50% do orzamento de 2023, e amais un “importe récord” de 38 millóns de euros dedicados xa a novos investimentos na cidade.
O edil de Facenda, deu conta na sesión plenaria de abril do estado de execución do estado de gastos e ingresos do orzamento correspondente ao primeiro trimestre de 2023 así como do movemento de tesourería por operacións orzamentarias e non orzamentarias.
O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, censurou os datos de Aneiros alegando que soamente está executado “o 12% do orzamento”. Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo, criticou que algunhas partidas orzamentarias “pasan de un ano a outro” e o voceiro popular, Alfonso Marnotes sinalou que “os datos non din que se mobilizase o 50% do orzamento”.
Pagamento en 14 días
Ademais, Jaime Aneiros deu conta do Informe trimestral de tesourería sobre o cumprimento dos prazos de pago das obrigas do Concello de Vigo, da Xerencia Municipal de Urbanismo e das fundacións correspondente ao primeiro trimestre do ano 2022 e o período medio de pago dos tres primeiros meses do ano 2023.
O concelleiro informou de que no primeiro trimestre de 2023 se aboaron 1.377 pagos, o que se traduce en 34,9 millóns de euros, amais dos 38,2 millóns de euros aboados con cargo ao presuposto do ano 2022. O período medio de pagamento do Concello de Vigo situouse nos 14 días, fronte aos 66,2 de Ourense e aos 28,6 de Pontevedra.