Escoitar

Caballero di que no Vigo Tennis Open participarán deportistas “de primeira magnitude" na súa idade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe o Vigo Tennis Open, un torneo internacional para categoría sub-18, masculina e feminina, que se vai desenvolver do 9 ao 16 de outubro nas pistas de tenis do complexo deportivo municipal de Samil, por segundo outono consecutivo.

xoves, 29 set 2022

Cun vídeo no que daba as “grazas ao alcalde por apoiar o tenis e ao Vigo Tennis Open, vémonos pronto”, Arantxa Sánchez Vicario, lenda do deporte mundial, anunciaba que acudirá a promover o campionato. Manuel Álvarez, “Noli”, coordinador do mesmo, confirmaba que “o embaixador do noso torneo é Abel Caballero, pero este ano vai podelo compartir e axudarnos a promocionalo co traballo de Arantxa, que probablemente é das deportistas máis importantes de España”, dixo.

O rexedor, que considerou que “a principal embaixadora é Arantxa”, asegurou que “estamos detrás e seguiremos estando detrás do que vaiades organizando” e destacou que a Vigo acudirán “deportistas de primeira magnitude” na súa idade.

O Concello é patrocinador principal, co apoio da Deputación, desta cita mundial. Sobre esa cuestión, Caballero explicou que “son un convencido do noso modelo de Vigo, coa cooperación público-privada. Impórtame a presenza das empresas, e non a cantidade que acheguen; é importante que as empresas esteades presentes tras o deporte, a cultura ou as accións da cidade, porque Vigo é tanto como o será a nosa economía”.

Caballero reivindicou que “Vigo é unha cidade con presenza universal”, polo que “queremos seguir sendo referencia e o tenis proporciona moita”. Así, incidiu en que “queremos estar no máximo nivel en tódolos ámbitos deportivos onde podamos concorrer e competir”. Ademais, fixo fincapé na importancia da actividade deportiva, porque “quen faga tenis ou outro deporte van ser moito mellores cidadáns. Aprenderán moitos valores moi importantes e onde estea o tenis hai outras cousas que non van estar porque o deporte as expulsa”, reafirmándose en que “o deporte é cultura de vida, moito máis que un tempo de lecer, espectáculo ou diversión. E cada vez máis”.

Ao acto, no Hotel Los Galeones, ademais de Noli e Fernando del Barrio, mánager xeral do VTO, acudiron o deputado provincial Gorka Gómez, o edil Manel Fernández e Carlos Calo (CdeC) e Tamara Roca (Centro Comercial Vialia), en representación dos máis de corenta patrocinadores privados.

Na presentación, xunto coas verbas de Sánchez Vicario, o vídeo promocional contou con voces tan autorizadas como as do presidente da Federación Española de Tenis, Miguel Díaz, do veterano tenista galego Óscar Burrieza, que lembrou que o circuíto júnior “é o paso previo ao profesionalismo”, ou de Martín Landaluce, recente gañador do US Open júnior, que xogou en Vigo en 2021: “Goceino moito, foi o meu mellor torneo do ano, téñolle moito agarimo e está moi ben organizado”, apuntou. O madrileño disputou a final masculina en Samil cunha “wild card” (invitación) da organización (“Nito tivo ollo”, recoñeceu Del Barrio).

O torneo, cunha fase previa de dous días (9 e 10) e un cadro final individual e de dobres do 11 ao 16 -e entrada de balde-, contará con case un cento de raquetas de vinte e cinco países. Paralelamente, haberá un campionato nacional cadete patrocinado pola firma viguesa Blue Reset e un torneo de minitenis en Vialia.

Descargar todas as imaxes