Escoitar

O Concello rebaixará o IBI ao 50% as vivendas con instalacións de enerxías renovables

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, explicou no pleno esta modificación da Ordenanza Fiscal Xeral “que chama a transformar o modelo enerxético e promover as enerxías limpas”.

mércores, 28 set 2022
O edil de facenda, Jaime Aneiros, co concelleiro de Educación no Pleno
O edil de facenda, Jaime Aneiros, co concelleiro de Educación no Pleno

O goberno local levou ao pleno a modificación da Ordenanza Fiscal Xeral para a rebaixa do IBI aos cidadáns e cidadás que con instalacións de enerxías renovables, como a solar, nas súas vivendas ou edificios. Segundo explicou na sesión o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, esta rebaixa será do 50% durante tres anos desde a súa instalación. Ademais as persoas que o fixeran con anterioridade tamén terán un réxime transitorio.

“Imos favorecer enerxías limpas e alternativas que axuden a paliar o alza dos prezos da enerxía. Fomentamos a transición ás enerxías limpas de menor custe para a cidadanía”, explicou Aneiros

O edil non adscrito presentou 43 emendas e di que “non basta coa conxelación de taxas”. O Grupo Mixto solicitou “unha revisión completa e profunda” da fiscalidade. Os populares avogaron pola baixada de impostos.

O responsable de Facenda interpelou ao voceiro do PP preguntándolle “qué servizos e prestacións recorta coa baixada de impostos” e lembrou que “fai máis unha axuda de 200 euros para os libros de texto que unha rebaixa de 19 euros no IRPF”.

Modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora das taxas por aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local

O goberno local tamén aprobou a modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora das taxas por aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público total. O edil de facenda explicou que o obxectivo é gravar ás empresas de telefonía móbil, que ata agora “escapaban” polo uso do subsolo para prestar os servizos á cidadanía. “É unha taxa que aporta ás arcas municipais 4,1 millóns de euros polos servizos de telefonía”, cifrou Aneiros.

Liñas Fundamentais do Orzamento para 2023

O concelleiro de Facenda tamén deu conta no pleno das liñas fundamentais do orzamento do 2023. Subliñou que é o 16º orzamento consecutivo, con máis de 290 millóns de fondos propios e a débeda cero da administración local. Aneiros cifrou en máis de 100 millóns a execución actual no Concello “en liña con facer máis Vigo, a mellor cidade para vivir”.

O voceiro non adscrito falou de “continuísmo” en canto as contas para 2023, o grupo Mixto espera “que sexa executable” e os populares falaron de “documento de publicidade”. Aneiros invitou á oposición “a pasear pola cidade para ver as inversións en marcha”.

Descargar todas as imaxes