Escoitar

O rexedor salienta a posición de Vigo "á cabeza da tecnoloxía de microchips de Europa"

Durante a visita ao edificio que albergará as futuras instalacións de SPARC, a planta de semiconductores fotónicos, Abel Caballero puxo en valor a posta en marcha da factoría na cidade, coa previsión de que inicie a súa actividade en 2025.

martes, 27 set 2022

O alcalde, o delegado da Zona Franca de Vigo e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, xunto aos socios e promotores, trasladáronse este mediodía ao edificio situado en López Mora, propiedade de Zona Franca, para coñecer a distribución dos espazos e as necesidades do equipo humano, en principio, constituído por 60 persoas. As obras para a planta de chips fotónicos comezarán a finais de 2023.

Na presenza de Jaime Martorell, Comisionado Especial para o Perte de Microlectrónica e Semiconductores, Guillermo Gómez, coordinador da Secretaría Xeral de Telecomunicacións ou o CEO de SPARC, Francisco Díaz,  Abel Caballero apuntou que con este proxecto "Vigo sitúase á cabeza da tecnoloxía de microships de Europa". Pola súa banda, David Regades subliñou que “nace en Vigo un novo sector grazas aos fondos de recuperación europea”, ademais de lembrar que “só hai tres plantas de semiconductores en Europa: Holanda, Alemaña e Francia”.

A posta en marcha de SPARC roldará un investimento de 66 millóns de euros ata 2027. A planta de semiconductores fotónicos conta, ademais, co apoio de investigadores doutras universidades españolas, organismos internacionais como a Axencia Espacial Europea, ESA, ou o consorcio Óptica, a maior agrupación industrial de empresas dedicadas á fotónica do mundo.

SPARC fabricará máis de 1.500 obleas ao ano, o que supón 90.000 chips (cada oblea contén 60 chips) e contará cunha sala limpa de 1.600 metros cadrados para a fabricación dos chips, ademais do centro de I+D. Os semiconductores III-V son materiais que se poden utilizar para realizar fontes de luz moi compactas e eficientes, o que permitirá que SPARC teña a capacidade para dirixirse a unha gran base de clientes nunha ampla gama de mercados diferentes, incluídas as comunicacións ópticas, as pantallas, a iluminación, a industria aeroespacial, a automoción, a biomedicina, a detección e as tecnoloxías cuánticas, así como as tecnoloxías de alta velocidade ou aplicacións electrónicas de alta potencia. Na actualidade, son 300 as empresas europeas que consomen este tipo de chips e unha vintena delas xa transmitiron o seu interese na nova planta viguesa.
 
 
 
 
 

Descargar todas as imaxes