Abel Caballero: "Somos unha potencia turística mundial"
O alcalde celebra o Día Internacional do Turismo nun acto organizado pola Deputación de Pontevedra coa presenza do Secretario de Estado de Turismo.
O alcalde celebrou esta mañá o Día Internacional do Turismo nunha xornada que contou coa participación do Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, e unha numerosa representación do sector turístico das Rías Baixas.
A V Xornada TurisTIC, organizada pola Deputación de Pontevedra, comezou coa presentación da súa presidenta, Carmela Silva, que destacou as numerosas iniciativas en turismo intelixente e sustentabilidade que se están poñendo en marcha na provincia "e moitas son xa referencia".
Caballero destacou o valor de Vigo, "que logrou converterse en só cinco anos nunha potencia turística mundial". O rexedor agradeceu ao Secretario de Estado a súa presenza en Vigo para celebrar este Día Internacional do Turismo, "o cal denota a importancia que outorga ao traballo que estamos a realizar".
Lembrou o momento excepcional que vive o turismo na cidade e a recuperación que conseguiu tras os difíciles anos da pandemia. "Este verán batemos récords de visitantes, mesmo nalgúns casos superando os de antes da pandemia", afirmou, á vez que augurou que o Nadal será "un período excepcional".
Caballero apuntou tamén a oportunidade que supoñen os fondos europeos para a modernización e o avance do turismo. Agradeceu en concreto ao Goberno de España "o decreto que fixeron para apoiar o turismo de Vigo con 2 millóns de euros cos que estamos a desenvolver dous proxectos marabillosos". Por último, animou a toda a industria turística a "seguir traballando conxuntamente para aproveitar este avance imparable".