A corporación viguesa insta á Xunta a que apoie a construción da nova Biblioteca do Estado
Nunha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista solicítalle á Xunta que faga explicito este apoio ante o Goberno de España. Tamén se solicita que a Xunta asine, en materia de mobilidade urbana un convenio de 3,5 millóns de euros.
O Pleno de setembro aprobou instar a Xunta de Galicia a realizar un apoio explicito ante o Goberno de España, para que Vigo teña a nova Biblioteca do Estado. Esta moción contou cos votos favorable dos socialistas, do grupo mixto e do concelleiro non adscrito, realizando un voto en contra os representantes do Partido Popular. O responsable de cultura Abel Losada, sinalou que “o Concello ofrécese a asumir a futura biblioteca, dado que a Xunta pon obstáculos e se sitúa fronte a unha infraestrutura imprescindible para a cidade”.
Moción mobilidade urbana
No día de hoxe, o Pleno Municipal tamén aprobou, cos votos favorables do PSOE; grupo mixto e o concelleiro non adscrito e o voto negativo do grupo popular, a instar a Xunta a que recoñeza o esforzo realizado polo consistorio vigués en materia de mobilidade urbana, firmando un convenio de 3,5 millóns de euros como o que a Xunta realiza coa Autoridade Portuaria de Vigo. Carlos López Font, voceiro do grupo municipal socialista, destacou que “o investimento do Concello de Vigo nos tres últimos anos, foi de 358 millóns dos que a Xunta non achegou nin un só euro”.
Imposto de Patrimonio
O grupo mixto levou a este pleno unha moción, na que se aprobou que o Concello de Vigo inste á Xunta a que non promova a eliminación do imposto de patrimonio como as comunidades de Madrid, Andalucía e Murcia. Esta moción foi apoiada, ademais de polo grupo mixto, polo Partido Socialista e o concelleiro non adscrito, e coa postura en contra dos populares.