A Xunta de Goberno aproba a licitación da cubrición do patio do colexio Vila Laura por 414.000 euros
O alcalde puxo en valor a “importancia desta obra” que vai acometer o goberno de Vigo na Escola de Educación Infantil que permitirá o uso da pista deportiva en condicións de climatoloxía adversa.

“Unha gran cubrición de case medio millón de euros” co obxectivo de mellorar as condicións de uso da pista deportiva xa existente, que non dispón de zona cuberta exterior e que será acondicionada polo Concello “dado que a Xunta non o fai”.
A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do contrato das obras de cubrición do patio do Colexio Villa Laura por un importe de 414.435 euros, que se suma á cubrición dos patios do Pintor Laxeiro, Balaídos, García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao e Carballal. Amais está en marcha a cobertura do Frián Teis e do Javier Sensat, unha competencia autonómica que a “Xunta de Galicia non atende en absoluto”
Amais, quedou aprobada a proposta do proxecto de cubrición do tranvía situado na Avenida de Castelao que ten un orzamento base de 188.835 euros. O alcalde explicou que o obxectivo municipal é “metelo nunha caixa transparente que o protexa do deterioro ambiental, da choiva e do sol” e instalarase iluminación co fin de poñer en valor “unha parte da nosa historia”. O prazo estimado de execución de obras é 12 semanas
A cubrición do tranvía xa fora licitada no ano 2020 pero quedou deserta polo que, agora, o goberno de Vigo, elaborou un novo orzamento que volve sacar a licitación.