O goberno de Vigo renovou o patio do CEIP A Doblada con novos xogos e céspede artificial
Abel Caballero visitou este xoves as melloras acometidas polo Concello no centro, cun orzamento de 32.000 euros. É “un investimento significativo nun colexio que o precisaba”, subliñou o alcalde, quen denunciou “o abandono do ensino público de Vigo por parte da Xunta de Galicia”.
O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Educación, Gorka Gómez, acudiron hoxe xoves ao colexio para coñecer de primeira man o seu funcionamento e o resultado das accións acometidas polo Concello no patio de recreo, acompañados polo equipo directivo.
Segundo explicou o rexedor en rolda de prensa posterior, o goberno que preside mellorou a zona do parque infantil, con novas canalizacións e recollidas de augas, máis xogos e a substitución da terra por herba sintética. “Poremos adicionalmente uns bancos”, anunciou Caballero, quen valorou os 32.000 euros abonados ao efecto pese a non ser “función” do Concello. “Fixémolo e imos seguir facéndoo”, afirmou, argumentando que “o abandono do ensino público de Vigo por parte da Xunta de Galicia é total”.
Abel Caballero trasladou que o orzamento do Concello para este ano inclúe 6,5 millóns de euros para atención aos colexios de Infantil e Primaria, e recordou que o goberno vigués acometerá a cobertura dos patios dos centros Villalaura e Frián-Teis, cunha dotación estimada de 350.000 euros en cada un. Ademais, Vigo está a redactar o proxecto para cubrir tamén o patio do CEIP Javier Sensat.