Escoitar

Vigo propón que a Xunta reparta por poboación os 224 millóns de ingresos extraordinarios do IVE de 2017

O Pleno celebrado este mércores aprobou unha moción que insta ao goberno autonómico a destinar á cidade a parte proporcional ao seu peso demográfico dos 224 millóns que lle transferirá o Goberno de España, pola devolución do mes do IVE incautado polo anterior executivo estatal.

mércores, 30 mar 2022

O Goberno de España decidiu o mes pasado compensar ás autonomías e ás entidades locais pola mensualidade correspondente ao IVE que estas administracións deixaron de percibir no 2017. A medida supuxo que o Concello de Vigo recibira 2,1 millóns de euros e a Xunta de Galicia, pola súa banda, ingresará 224 millóns adicionais.

A proposta elevada ao Pleno polo goberno vigués reclama que a Xunta traslade á súa vez esta partida aos concellos galegos, “como unha forma de compensar os maiores esforzos feitos durante a pandemia” e tamén para “incrementar as partidas, conxeladas desde hai máis dun lustro, na participación dos ingresos da Comunidade Autónoma”.

O Concello de Vigo require un reparto destes 224 millóns en proporción ao peso demográfico da urbe, “a parte que lle corresponde de acordo á poboación real da cidade”, segundo anota o texto. O grupo do goberno vigués presentou este acordo, que saíu adiante cos seus votos, a abstención de Marea e a negativa das e dos edís do Partido Popular e do nacionalista Xabier Pérez Igrexas.

Liña de axudas ao aeroporto de Vigo

A sesión plenaria deu luz verde tamén á moción do grupo municipal socialista instando á Xunta de Galicia a establecer unha liña de axudas que favoreza a mobilidade dende o aeroporto de Vigo a Madrid, Barcelona e outras cidades de España e Europa. Saíu adiante cos votos favorables dos socialistas, a abstención do grupo mixto e o voto en contra dos populares e o concelleiro non adscrito.

O texto defende que Vigo é a cidade máis poboada de Galicia, a cabeza dunha área metropolitana de cincocentas mil persoas, que precisa dun transporte rápido para os desprazamentos laborais, comerciais e de relacións entre empresas, apreciando que outras cidades con aeroporto reciben axudas públicas para contar con conexións aéreas, a baixo custe, mentres a cidade e a área metropolitana non teñen axuda algunha do goberno autonómico.