Escoitar

O Goberno Local aproba a incorporación de 45,8 millóns de remanentes ao orzamento municipal

O concelleiro de Facenda deu conta dos informes definitivos de control financeiro, os resultados do control interno, a memoria do Tribunal Económico-Administrativo do ano 2021 e o marco orzamentario 2023-2025. Tamén aprobouse de xeito inicial a incorporación de dous millóns ao orzamento da Xerencia de Urbanismo.

mércores, 30 mar 2022
O edil de Facenda, Jaime Aneiros, dando conta da modificazión orzamentaria e asuntos económicos
O edil de Facenda, Jaime Aneiros, dando conta da modificazión orzamentaria e asuntos económicos

O Pleno aprobou a incorporación de 45,8 millóns de euros de remanentes ao orzamento municipal “para seguir construíndo cidade”. Así comezou o edil de Facenda, Jaime Aneiros, a súa intervención na que subliñou a incorporación destes millóns para “seguir facendo o Vigo do século XXI”.

Tanto os 45,8 millóns aprobados de xeito definitivo, e os dous millóns para a aprobación inicial para a modificación de crédito da Xerencia de Urbanismo, foron aprobados cos votos favorables do Grupo Socialista. O edil manifestou que os cartos “servirán para inversións, servizos como o financiamento das escolas infantís, formación, accesos aos colexios, cubrición dos patios dos colexios ou maior partida para as becas de inglés, entre outras accións”.

Aneiros deu conta dos informes definitivos de control financeiro, os resultados do control interno, a memoria do Tribunal Económico-Administrativo do ano 2021 e o marco orzamentario 2023-2025. Dixo “estar traballando no Orzamento de 2023 e cun horizonte 2023-2025 xa que a estabilidade económica e política en Vigo permite traballar a medio prazo na acción do Goberno”.

Na oposición, os populares criticaron “o deficiente control interno de gastos, a voracidade recadatoria e a imposibilidade estrutural de inexecución da recadación”; o voceiro do Grupo Mixto, Rubén Pérez, lamentou o uso dos cartos “sen criterio”. Pola súa banda, o edil non adscrito referiuse aos contratos menores: “Hai un abuso deste sistema para evitar a licitación”.

O responsable de Facenda replicou á oposición “seguir no relato da apocalipse” e subliñou que o modelo da cidade “é referente coa presión fiscal máis baixa de Galicia, débeda cero, pago a provedores en torno a unha semana e unha situación económica boa”. En canto á apreciación dos contratos menores expuxo algúns exemplos de obras menores para as que a administración utiliza este tipo de contratación, e invitou á oposición a ler o informe de intervención: “De 200 millóns, só 7 adícanse a contratos menores”, apuntou.

Aneiros concluíu que hai 100 millóns en execución para a transformación da cidade: “É unha política de creación de emprego, de execución, da construción do Vigo do século XXI que crea actividade económica e produce un retorno na cidade e os cidadáns e cidadás”.

Descargar todas as imaxes