Escoitar

Caballero eloxia a estimulación creativa que supón o Certame de relatos Vigo histórico

O alcalde sumouse esta mañá á presentación da novena edición dun concurso literario que se xa está consolidado na cidade. Nas súas palabras, iniciativas como esta “veñen estimular a capacidade creativa dun Vigo que se presta á cultura”.

mércores, 30 mar 2022

Abel Caballero participou esta mañá na presentación da novena edición de Certame de relatos Vigo histórico, nunha rolda de prensa organizada na Casa Galega da Cultura, na que tamén estivo presente Javier Romero, responsable da Editorial Elvira, promotora do concurso.

O prazo para a recepción dos traballos comezará mañá día 31 de marzo e finalizará o 1 de xullo. A comunicación dos gañadores/as, así como dos relatos seleccionados para o libro Relatos na Rúa farase pública entre os días 29 de setembro e 7 de outubro de 2022. Como sempre, antes de que finalice o presente ano realizarase a gala de entrega dos premios, na que tamén se presentará o libro Relatos na Rúa. A autora do cartel desta novena edición é Gabriela Sánchez González (en redes sociais @tatupeor) unha artista pontevedresa que vive dende o ano 2017 en Londres. Un ano máis, a Panificadora será a estrela central do cartel do certame Vigo Histórico.

O tema do relato será libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso: «A acción ten que transcorrer en Vigo, sendo a cidade parte transcendental do relato, un elemento destacado, como o son as personaxes ou a trama. O incumprimento deste punto invalida a participación no certame».

Admitirase un único texto por autor/a, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á seguinte dirección: certamenvigohistorico@gmail.com. Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador/a, un segundo premio de 500 e ata 4 accésits de 200 euros cada un. As bases están a disposición de todos
os interesados na páxina web de Editorial Elvira (www.editorialelvira.com).

O xurado está composto, un ano máis, pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado, a xornalista Noelia Otero; e o historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Luís Mateo Álvarez.

Descargar todas as imaxes