O Pleno de Vigo condena a invasión rusa sobre Ucraína
Coa abstención do grupo mixto e do concelleiro non adscrito, quedou a aprobada na sesión plenaria do mes de marzo a Declaración Institucional de condena da invasión rusa sobre Ucraína.
O Pleno do Concello de Vigo condena enerxicamente a agresión de Rusia a Ucraína, rexeitando totalmente a invasión das forzas militares rusas e esixindo a súa inmediata retirada. Esta agresión supón unha flagrante violación do Dereito Internacional e contra a soberanía e a integridade territorial de terceiros países. Así mesmo, o Concello de Vigo expresa a súa absoluta solidariedade co pobo ucraíno.
Este Pleno maniféstase ao carón do Goberno de España e da Unión Europea reivindicando a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos que compartimos con Europa. Expresamos o máis firme compromiso do noso Concello coa defensa dos principios da democracia, o estado de dereito e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e no da Constitución da Unión Europea. Así mesmo este Pleno apoia o labor que as Forzas Armadas españolas están a desenvolver para garantir a paz e a integridade territorial nos países europeos.
Finalmente, apoiamos á Unión Europea para que se interpoñan as sancións precisas co fin de que se poña fin ao conflito ante estes feitos tan graves que ameazan a paz e as liberdades e dereitos fundamentais da cidadanía ucraína. E apoiamos á Unión Europea para que se interpoñan as sancións precisas co fin de que poidan ter algún tipo de efecto no goberno ruso de Vladimir Putin.
O Pleno do Concello de Vigo apoia que se realicen todos os esforzos necesarios para mobilizar recursos a fin de acoller a refuxiados provenientes do conflito de Ucraína.